Os casos activos de Covid-19 e os novos contaxios experimentaron unha repunta na Galiza até os 2.354 e 168, respectivamente, nas vésperas dos festivos desta Semana Santa, mentres que os pacientes en UCI aumentaron a 30 e os que permanecen noutras unidades descenderon a 167.
Segundo os datos actualizados na mañá desta cuarta feira pola Consellería de Sanidade, con rexistros até as 18:00 horas desta terza feira, os pacientes Covid ingresados descenderon de 207 a 197, o que supón dez menos. Deles, 30 atópanse en UCI -catro máis- e 167 noutras unidades -14 menos-.
En canto ás áreas sanitarias, a presión asistencial baixa nas da Coruña e Cee; Santiago e Barbanza; Ourense; Vigo e Lugo, mentres que se mantén na de Pontevedra e O Salnés e sobe na de Ferrol, que volve ter pacientes en UCI.
Os casos activos de Covid volveron ascender, após a redución da xornada pasada, e sitúanse en 2.354 -o que implica 47 máis-, ao haber máis contaxios (168) que altas (116).
Por áreas sanitarias, os casos activos subiron nas de Vigo (+30); Ourense (+14); Pontevedra e O Salnés (+13); Santiago e Barbanza (+13); Lugo (+1) e Ferrol (+1), mentres que baixan unicamente na que conta con máis, a da Coruña e Cee (-25).
En canto aos novos contaxios detectados con calquera tipo de proba en toda Galiza experimentaron unha repunta a 168, tras caer a 107 esta terza feira despois de iniciar esta semana con 133.
Do total de novos contaxios, 148 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas -63 máis que a xornada anterior
No relativo á taxa de positividade repuntaron a un 3% tras caer a xornada anterior a un 1,4%, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala para dar por controlada a pandemia.
Desde o inicio da pandemia pola Covid-19 faleceron na Galiza 2.342 persoas diagnosticadas con este coronavirus, tras notificar esta terza feira Sanidade seis novas vítimas.