Con esta acción, as familias queren reivindicar "a insuficiencia das solucións que a Xunta está implantando para solventar a carencia de persoal de atención á diversidade en diferentes centros educativos da Coruña e a súa contorna neste principio de curso". Tal e como indican, en centros como o CEIP Labaca, CEIP San Pedro de Visma ou CEIP Valle Inclán nomeáronse profesionais especialistas de Audición e Linguaxe só a media xornada, despois de terse suprimido prazas a tempo completo.
Outros centros, como o CEIP Rosalía de Castro da mesma cidade, seguen agardando que se incorpore este especialista e no CEIP Emilia Pardo Bazán, a plataforma denuncia que se está a negar a presenza da persoa especialista en Pedagoxía Terapéutica que se demanda e coa que si contaban o curso pasado.
A plataforma organizadora destaca que a mobilización conta co apoio de máis dunha quincena de asociacións de nais e pais, tanto de centros afectados pola supresión de persoal como de outros centros, así como de asociacións relacionadas con trastornos que poden afectar á aprendizaxe. A convocatoria presencial completarase cunha unha campaña en redes sociais co cancelo #dereitosnonparches.