"Falar de presos políticos pode ser un delito. A linguaxe é moi importante. Cada vez que eles falan de presos políticos hai que lles lembrar que en España non hai presos políticos porque España é unha democracia".
Diante da imprensa, o ministro de Interior Jorge Fernández Díaz valorou desta maneira os actos de homenaxe ao preso de ETA Xabier López Peña, 'Thierry', que morreu nun cárcere da Franza. Dirixentes de Sortu e Aralar referíronse a el como "preso político" e Fernández Díaz enviará as súas declaracións á fiscalía, convencido de que constitúen un delito de "enaltecimento do terrorismo".
Non é o que se di, senón o que se quere dicir
"Hai ben tempo que vimos asistindo ás declaracións irresponsábeis dos representantes políticos do goberno do Estado. Irresponsábeis, mais nunca gratuitas nin inocentes", apunta Yolanda Ferreiro, avogada e vicepresidenta de Esculca, para quen é importante falar "non só do que dixo, senón do que quixo dicir e por que".
Entende Ferreiro que a remisión das declaracións das dúas organizacións políticas vascas non debe sorprender, polo reiterado deste procedemento por parte do goberno español. O relevante das palabras de Fernández Días, que o presidente de Esculca Fernando Blanco cualifica de "boutada", é "o aviso a navegantes" que lanza "a aqueles que nas súas manifestacións mostran discrepancia política. Avisar a outros lugares e a outros disidentes". E aquí é onde lle toca de perto á Galiza.
"Queren transladar aquí o caso vasco"
Subliñara xa o avogado Borxa Colmenero nunha entrevista concedida a Sermos Galiza o empeño do Estado en demostrar "que, tal e como di a Garda Civil, Resistencia Galega ten unha estrutura militar e en transladar á Galiza o caso vasco" para xustificar a vixencia de normas de excepción como a lei antiterrorista.
Refírense tanto Yolanda Ferreiro como Fernando Blanco á imputación de catro veciñ@s de Xinzo da Limia precisamente por "enaltecimento" por bailar con fotos d@s pres@s independentistas galeg@s nun lipdub reivindicativo da lingua e da cultura do País. Ao fío, Blanco constata en ambos os dous casos --a homenaxe a Thierry e o video musical do centro social Aguilhoar-- "unha falta de respecto á liberdade de expresión" e unha manifestación máis da "represión ideolóxica" a que fica submetidos os movementos independentistas, que vén debuxando desde hai tempo "un contexto preocupante".
O que Resistencia Galega é, segundo o xornal ABC: ecoloxía "radical", deporte, lingua, sindicalismo e refresco de cola
Tamén falan @s integrantes de Esculca da información que o diario español ABC publicou na segunda feira, 1 de abril, nunha páxina dupla. Un organigrama do que, ao seu entender, sería a organización Resistencia Galega e da cal farían parte colectivos xuvenís, deportivos, sindicatos de clase, avogad@s que transladan consignas d@s pres@s ao exterior aproveitando o exercicio do dereito de defensa, o ecoloxismo "radical" e até algún refresco de cola.
"O ministro e os seus medios afíns están a crear unha corrente de opinión na liña de que no Reino de España hai unha situación de violencia política; malia non existir; necesitan xustificar e manter a lexislación de excepción", recalca Fernando Blanco.
Unha 'democracia' baseada en vixiar e punir
Leis que permiten até cinco días de detención incomunicada e sentenzas do Tribunal de dereitos humanos que sinalan como no Estado español non se investigan as torturas nos cárceres -"non só a presos políticos senón tamén a presos denominados, por contraposición, sociais"´- poñen de manifesto, alega, que "esa democracia perfecta" da que fala o ministro Fernández Díaz "non é máis que unha quimera".
Yolanda Ferreiro entende que nas declaracións do titular de Interior con que arrincaba esta información "hai algo que si é certo, que a linguaxe é moi importante. Por iso cómpre rescatala, non para a secuestrar nun artigo do Código Penal, senón para entender o uso interesado e nada inocente que se fai dela para criminalizar accións e afirmacións de disidencia puramente política". Conclúe a letrada remarcando as intencións do ministro: "Espallar un estado de ameaza e control".