Ana María Castro visita o cárcere da Lama cada semana. Forma parte da comisión penitenciaria do Colexio de Avogados de Pontevedra, que presta asistencia xurídica gratuíta ás presas e presos. Tramitan queixas, recursos sinxelos, terceiros graos, moitos divorcios e calquera outra cuestión que non interceda cos asuntos propios que lles levan os seus avogados. “Imos unha tarde enteira e traemos traballo para varios días”. Ana María é avogada especialista en discapacidade e dependencia.
A súa experiencia levouna a observar con detemento a situación das persoas reclusas con diversidade funcional dentro da prisión. “Cada día vía que non se cumprían os dereitos que recollen os acordos internacionais así que decidín estudar con detalle a situación dos presos con discapacidade”. Desde hai máis de seis anos desenvolve unha tese que analiza o grao de cumprimento da convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade no contorno penitenciario.
Segundo os últimos datos facilitados por Instituciones Penitenciarias, a finais de 2017 había 4.823 presas e presos con discapacidade internos en todo o Estado, arredor do 10% da poboación reclusa. Hoxe na Galiza hai 320. Presas e presos con discapacidade física, psíquica, intelectual e sensorial con necesidades específicas.
Á procura dun ambiente carcerario accesíbel
Nin a Lei Orgánica Penitenciaria de 1979 nin o Real Decreto de 1996 que desenvolve o Regulamento Penitenciario falan de discapacidade, así que son os tratados internacionais máis a Lei Xeral dos dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, de 2013, os que rexen e requiren un contorno penitenciario accesíbel ás persoas con diversidade funcional, sen barreiras que impidan a súa participación plena e efectiva no día a día, coas mesmas oportunidades que o resto dos internos.
Un logro complicado nun “contexto escuro, pouco transparente e sen fluxos de información” como é o carcerario, di Fernando Blanco, secretario de Esculca, o Observatorio pola defensa dos dereitos e as liberdades. Desde os seus inicios, a asociación vixía e denuncia as violacións máis graves que se dan dentro dos cárceres, ademais de atender puntualmente asuntos relacionados coa sanidade penitenciaria e o estado das infraestruturas que rodean as persoas presas. “Traballamos aspectos relacionados coa tortura, cos malos tratos, casos de privación indebida.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 332 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]