A compañía enerxética Repsol anunciou para este mes de setembro o fallo do Premio Narrativa Breve que leva convocando desde hai dezaseis anos. O biólogo e experto en cambio climático Xosé Veiras, denuncia que a da petroquímica é unha práctica de “greenwashing” pois é “unha das maiores responsábeis” das consecuencias do que denomina “crise climática”.
“A XVI edición deste premio coincide co desenvolvemento dunha campaña a nivel europeo para prohibir a publicidade e os patrocinios de empresas ligadas ao negocio da enerxía fósil”, explica Veiras nun comunicado enviado aos medios, no que salienta que o premio de Repsol é a iniciativa con “máis visibilidade social” na Galiza da propietaria da refinaría de petróleo da Coruña, “a nosa maior industria enerxética fósil”.
Precisamente, o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) vén de facer público o informe "Premio de Narrativa Breve Repsol: un exemplo de greenwashing", onde se pon de manifesto que “non hai empresa con instalacións produtivas na nosa terra con maior pegada negativa no clima global que Repsol”.
O observatorio destaca que Repsol figura entre as 90 corporacións que, conxuntamente e debido ás emisións asociadas á obtención e uso dos seus produtos, "foron responsábeis de nada menos que o 63% das emisións mundiais de dióxido de carbono (CO2) e metano (CH4) causadas polo uso de enerxía fósil e cemento acumuladas en 1751-2010”.
Ademais, Veiras denuncia que a refinaría de petróleo da Coruña foi en 2021 a segunda industria galega con maiores emisións de gases de invernadoiro causantes de cambio climático. “Con 760.000 toneladas emitidas, só foi superada pola central de ciclo combinado a gas fósil de Endesa nas Pontes”, advirte.
Unha iniciativa da que participan institucións públicas
O Observatorio Galego da Acción Climática lamenta que institucións galegas participen no que considera a “maior operación de lavado verde promovida por Repsol” na Galiza, entre as que destaca a Consellaría de Cultura.
O coñecido como greenwashing é unha estratexia de mercadotecnia que consiste en difundir o respecto dunha empresa cara ao medio ambiente cando nin os produtos ou servizos que ofrecen son respectuosos coa contorna. Trátase, así, de vender ao público unha “falsa” responsabilidade social.