As familias que solicitaran praza para o curso 2023-2024 nas máis de 170 escolas infantís públicas da Galiza poden consultar as listas definitivas de admitidas e admitidos na páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude.
A partir desta quinta feira ábrese o prazo para formalizar a matrícula e finaliza o próximo 14 de xuño.
Segundo explica a Xunta da Galiza nun comunicado, as familias deberán presentar o impreso de matrícula cos datos debidamente cubertos xunto coa copia da cartilla de vacinación da crianza, e facelo a través da sede electrónica da Xunta ou no centro onde obtivese praza.
O inicio do curso nos centros de 0 a 3 anos da Administración galega está fixado para o día 5 de setembro.
Desde Política Social lembran ademais que no curso 2023-2024 a atención educativa será de novo gratuíta para o 100% do alumnado en todas as escolas infantís da Galiza durante oito horas e once meses ao ano, tanto nas que forman parte da rede pública da Xunta como nas que dependen dos Concellos, nas de iniciativa social e nas privadas.