Pontón pide a dimisión de Sánchez Izquierdo como "máximo responsábel" do episodio machista no 'Land Rober'

Alfonso Sánchez Izquierdo no Parlamento, nunha imaxe de arquivo.
A voceira nacional do BNG cualifica de "moi graves" os feitos que se emitiron en horario de máxima audiencia a pasada quinta feira na TVG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apuntou directamente ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, como "máximo responsábel" do incidente machista rexistrado a pasada quinta feira no programa 'Land Rober Tunai Show' e reclamou a súa dimisión ante uns feitos "moi graves".

O espazo presentado por Roberto Vilar tentou promover un encontro entre unha moza que acudira como público e a súa ex parella. Fronte á insistencia do programa, a muller terminou explicando en antena que non desexaba velo, xa que cortara a relación por episodios de acoso e control.

Desculpas

Após escoitar a súa versión, Roberto Vilar desculpouse con ela, un acto que repetiu na tarde desta sexta feira no programa 'Quen anda aí', onde se responsabilizou do "erro garrafal".

Partidos políticos e entidades sociais criticaron nas últimas horas ao programa por "normalizar o acoso" e "promover a violencia machista". Tanto a produtora responsábel, CTV, como a CRTVG emitiron á súa vez senllos comunicados nos que expresan o seu rexeitamento polo ocorrido.

Preguntada este sábado pola polémica, Ana Pontón censurou o "lamentábel episodio" vivido na televisión pública, no que "se banalizou a violencia machista". Ademais, incidiu, "emitiuse a pesar de que estaba gravado".

"Máximo responsábel"

Neste sentido, apuntou directamente a Sánchez Izquierdo como "máximo responsábel" da emisión do espazo e considerou que debería presentar a súa dimisión ante a gravidade dos feitos, sobre todo ante a información e protocolos dispoñíbeis sobre o tratamento da violencia machista nos medios.

"Parécenos que isto non é unha anécdota, é un feito moi grave", insistiu, polo que "merece moito máis que unha desculpa" por parte da CRTVG por "non estar á altura" da situación.