De maneira "moi positiva" valorou o concelleiro nacionalista e responsábel da xestión dos residuos en Pontevedra, Raimundo González, o dato que eleva a 3.086,69 as toneladas de residuos que se reciclaron neste concello durante o ano 2019.
Desta maneira, amósase como a acción de reciclar continúa aumentando na cidade pontevedresa. De feito, o número de toneladas recollidas nos colectores de vidro, envases lixeiros e papel e cartón amosa que segue que, con respecto a 2018, recolléronse 458,46 toneladas máis, o que supón un aumento de case 20%.
Desgranando a recollida selectiva, por tipo de residuo, o papel e o cartón están á cabeza, cunha recollida de 1.178,59 toneladas (920 toneladas foron no ano anterior). De vidro recolléronse 1.073,95 toneladas (940 en 2018) e 834,15 foron recollidas dos colectores amarelos de envases lixeiros (768,20 no ano anterior).
O concelleiro Raimundo González quixo tamén lembrar que, alén da recollida de residuos de cartón e papel, vidro e envases lixeiros, o Concello traballa no tratamento dos biorresiduos grazas aos composteiros individuais así como cos centros comunitarios de compostaxe.
De feito, as concellarías de Xestión dos residuos orgánicos e do Rural continúan co reto de estender a compostaxe en todo o concello de Pontevedra e nas súas diversas vertentes, polo que desde o mes de outubro teñen posto en marcha a implantación da compostaxe individual nas vivendas unifamiliares do rural pontevedrés.