O Goberno local completa con esta iniciativa os tres piares nos que quere sustentar a compostaxe municipal, coa que, segundo indicou o concelleiro de xestión de residuos, Raimundo González Carballo, busca cumprir os obxectivos que fixa a normativa europea de tratar 50% dos biorresiduos a 31 de decembro.
Nese obxectivo, Pontevedra xa ten en marcha dúas liñas de actuación: a compostaxe individual, pensada para as vivendas do rural ou para as urbanas que teñen un pequeno horto, e a comunitaria, coa instalación de centros de compostaxe en espazos verdes da cidade para os veciños e veciñas que poidan depositar os seus biorresiduos.
Con Composta, o Concello abre a terceira vía do seu programa de compostaxe, que, como salientou o responsábel municipal, servirá para facer a recollida de biorresiduos por unha parte da cidade na que non existe opción de tratamento individual nin compostaxe colectiva.
Voluntaria e de balde
O Concello destaca que a participación neste proxecto é voluntaria e de balde. Poderán entrar no programa bares, restaurantes, produtores singulares (residencias, froiterías, supermercados que non teñan recollida de orgánicos…) e veciñanza a título individual.
Segundo o procedemento deseñado, a persoa ou entidade produtora recollerá os seus biorresiduos e os depositará no colector marrón máis próximo á súa vivenda ou estabelecemento, empregando a chave electrónica que lle permitirá abrilo. A chave electrónica permitirá evitar que se depositen residuos impropios, co obxectivo de que o compost que se xera no proceso sexa dunha alta calidade.
A recollida farase todos os días da semana e os biorresiduos enviaranse a unha planta de compostaxe non máis lonxe de 100 quilómetros á contorna.
O proxecto comezará nos vindeiros días cunha campaña de sensibilización e información que se realizará porta a porta.