Mariña Patrimonio e Adega denunciaron ante o Servizo de Patrimonio unha plantación de eucaliptos en Santo Estevo de Rececende, concello de A Pontenova, por considerar que puido ter causado importantes danos a un ben patrimonial, un castro catalogado pola Xunta. Ambas as dúas asociacións cren que a apertura de pistas, xunto cos aterrazamentos e as remocións de terras no xacemento, así como na zona de protección, puideron afectar este ben.
Ademais, “o castro de O Patelo estaba cuberto por unha frondosa carballeira e, lamentablemente, este bosque autóctono foi cortado e substiuído, posiblemente de forma ilegal, por unha plantación de eucaliptos”, indican nun comunicado.
Afirman tamén que de 13 dos 23 xacementos arqueolóxicos que a Xunta inventariou no concello de A Pontenova non teñen as coordenadas, “polo tanto non están localizados pola administración o que implica a súa desprotección. Esta ausencia de coordenadas é unha mostra máis da incapacidade e da falla de vontade por parte da Dirección Xeral de Patrimonio para solucionar un problema que cómpre atallar canto antes para evitar a desaparición masiva do noso patrimonio arqueolóxico a mans da industria do eucalipto”.