"Por hixiene democrática", "exemplaridade" e "dignidade" exixen "a demisión" de José Manuel Baltar como presidente da Deputación Provincial de Ourense. Así o reclaman através dun manifesto pendurado na rede e nunha campaña lanzada através da rede social Twitter co hastag #ninundíamáis.
"Calquera intento do, aínda, presidente Baltar por limpar a súa imaxe non son máis que unha carreira cara diante"
Após a denuncia feita pública na que se apunta a Baltar por ter ofrecido, supostamente, un posto de traballo público a cambio de sexo, desde a iniciativa popular din asistir "con estupor e indignación ao penúltimo escándalo vencellado á nosa Deputación Provincial. Despois dos descarados exercicios de nepotimo exercidos pola saga Baltar nas últimas décadas somos agora testemuñas dunha nova volta de rosca".
"As gravacións que saíron á luz recentemente amosan ao Sr. Jose Manuel Baltar mantendo conversas nas que dá proba de prácticas absolutamente despreciables dende o punto de vista ético e que constitúen un exemplo claro de irresponsabilidade política", acrecentan.
Neste senso, aseguran que "calquera intento do, aínda, presidente Baltar por limpar a súa imaxe a través de códigos éticos, auditorías ou exercicios de transparencia non son máis que unha carreira cara diante para tentar evitar por todos os medios o coñecemento da verdade: que exerce dende o seu cargo conductas indignas dun representante público e faino en beneficio propio".
Por iso exixen a súa demisión e que non fique "nin un día máis no cargo".
Acusación particular contra Baltar
Pola súa banda a Marcha Mundial das Mulleres de Ourense compareceu publicamente na cuarta feira (4 de novembro) para amosar o seu posicionamento a respeito dos feitos coñecidos a pasada semana.
A organización feminista entende que a mención que se fai nas gravacións presentadas como probas na denuncia xudicial contra o líder do PP de Ourense "son suficiente motivo para que o Partido Popular asuma a responsabilidade política de retirar do seu cargo a José Manuel Baltar". Aliás, aseguran que "a denuncia por ofrecer un emprego a cambio de favores sexuais está tipificada na lei como acoso sexual e polo tanto unha forma de violencia que constitúe un delito. Un representante público acusado disto non pode permanecer nen un día máis á fronte da institución".
Neste senso, afirman que "non aceptamos que se pretenda enmarcar na “vida persoal” algo que nos afecta como mulleres e como sociedade" pois "a violencia machista é un problema social e como tal debe afrontarse".
"A denuncia por ofrecer un emprego a cambio de favores sexuais está tipificada na lei como acoso sexual"
Desde a MMM-Ourense amosan o seu rexeitamento ás declaracións do presidente da Xunta ao fío do caso nas que acusou a denunciante de non ter conseguido os seus obxectivos malia "tentar" facer delinquir a Baltar. "Por se o presidente non o sabe delito é ofrecer as prevendas a cambio de relacións sexuais sexan estas finalmente concedidas ou non", apunta o movemento feminista.
Así pois, coidan que se está a producir unha "revictimización da denunciante" --á que ofrecen a súa axuda de o precisar-- xa que "é intolerábel que se desacredite o seu testemuño como víctima de violencia para dar cobertura a un responsábel público". Para alén do que aconteza no plano xudicial, acrecentan, "para nós unha muller que denuncia violencia debe ser respectada e investigarse o sucedido até as últimas consecuencias".
Acompañadas polas deputadas Carme Adán (BNG) e Carmen Iglesias (Grupo Mixto) anunciaron que preguntarán ao goberno galego sobre o acontecido e avanzaron que están a estudar a posibilidade de se presentar como acusación particular no proceso xudicial.