O acontecido na Estrada, co falecemento dun paciente no PAC sen asistencia médica, situou en primeiro plano a realidade destes puntos de atención continuada. Carlos Gabián , profesional sanitario no PAC de Tui, explicou que os PAC foron creados para atender as urxencias mais non para o resto de casos que deben ser atendidos nos Centros de Saúde, sen embargo o peche de centros de Saúde pola tarde en período estival provoca a saturación nos PACs. Gabián fixo estas declaración na comparecencia que profesionais que traballan nos PAC fixeron en Compostela canda a deputada do BNG Montse Prado.
Gabián pediu á administración que sente cos profesionais e escoite as súas demandas para mellorar a asistencia sanitaria. “Sentímonos maltratados e pedimos a administración que reflexione porque as quendas de traballo nos PACs cada vez son maiores, non están dotados de persoal suficiente, temos problemas de conciliación e desgraciadamente, o acontecido no PAC da Estrada pode repetirse”.
Val Miñor, Ponteareas, Cambados, A Guarda son centros que precisan reforzo ao igual que outros PACs de áreas con grande afluencia de turismo e celebración de festas no período do verán.
A portavoz de sanidade de BNG, Montse Prado enmarcou o acontecido na Estrada aos recortes do Partido Popular “na sanidade pública galega”. Para a nacionalista, o Partido Popular debe convencerse que existe un déficit de profesionais e recursos que repercuten moi negativamente nas persoas usuarias dos PACs. “Os profesionais non son substituídos, non se cobren as prazas, non se realizaron reforzos e a Xunta segue afirmando que existe un déficit de profesionais”.