O ecosistema da lagoa de Baldaio, no municipio de Carballo, foi declarado Rede Natura e Zona Especial de Protección de Aves pola Unión Europea. Porén, durante catro décadas, este espazo foi explotado por empresas privadas para a extracción de area. E, con todo, este espazo está en perigo a causa dos últimos temporais e, tamén, pola acción humana que foi alterando Baldaio.
O responsábel de Turismo no Concello de Carballo, Xosé Regueira, lanzou esta semana a voz de alerta ao constatar que, tras as tormentas, a canle de intercambio entre a lagoa de Baldaio e o mar fora alterada, modificando o nivel de salinidade das súas augas e poñendo en risco o ecosistema.
O 18 de febreiro responsábeis da Xunta da Galiza e do Concello de Carballo mantiveron un encontro para debater as medidas a adoptar, tanto para protexer o espazo como para evitar o asolagamento das vivendas da contorna. Durante as fortes chuvias tres veciñas ficaron incomunicadas durante días, segundo recolleu a Televisión da Galiza, tendo que saltar a través dun muro para poder saír dos seus fogares.
"A resposta non pode demorar máis tempo e precísase que as Administracións competentes actúen", urxiu Regueira o mesmo día en que se reuniron Xunta e Goberno local. A lagoa, a praia e a marisma de Baldaio non só actúan como refuxio de aves e outras especies endémicas, senón que supoñen un importante recurso marisqueiro da Costa da Morte. As mariscadoras extraen alí berberecho, ameixa, longueiróns ou ostras.
Os últimos temporais tamén afectaron negativamente á produción, e tanto a Administración galega como a local fixéronse eco das preocupacións do sector e comprometéronse a levar a cabo "actuacións de carácter inmediato".
Baldaio sen lixo
Este sábado, 22 de febreiro o Grupo Naturalista Hábitat organiza da man de Adega, o colectivo local Senda Nova e o Concello de Carballo unha xornada limpeza de residuos na praia e na lagoa de Baldaio. A acción enmárcase no proxecto "Hábitat sen lixo".
Os labores de limpeza terán lugar entre as 10 e as 13 horas e a actividade está aberta a todo o público. O Concello de Carballo será o encargado de xestionar os residuos recollidos.