A noticia de que Gas Natural Fenosa (agora Naturgy) ía instalar un parque eólico na Serra do Gontón xerou desde o primeiro momento un movemento de rexeitamento a un proxecto que, advertían colectivos veciñais e ambientalistas, ía ter un impacto prexudicial nesa zona da Costa da Morte e “hipotecar o seu futuro”.
Agora, Salvemos Cabana denuncia que unha subcontrata de Naturgy que traballa na construción do parque eólico de Mouriños “detonou con explosivos o sector sureste do monte costeiro de 380 metros de altura que lle dá o nome ao macizo e corta centos de árbores nunha zona de piñeiral de alto valor ecolóxico na área de instalación dun dos aeroxeradores”. “Reduce a entullos parte do cumio”, conclúe.
A movilización e as xestións feitas nestes meses lograron conseguir a conservación da área do Pico de Sinde como primeiro cume desta serra costeira, mais “a triste realidade é que o resto deste singular espazo natural ten os días contados dado que as partes do macizo afectadas polo parque eólico modificáronse de maneira significativa e a restitución ao seu estado orixinal resulta sinxelamente imposíbel”.
Pregúntase Salvemos Cabana que ten a dicir agora a Xunta, que deu a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel a este proxecto. E pon o sucedido como exemplo das consecuencias que trouxo a Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galiza. “No sector eólico esta lei de implantación empresarial non contribuirá a fomentar un sector eólico máis eficiente e sustentábel, senón unicamente a maximizar as contas de resultados das multinacionais da enerxía”.