O pleno do Concello de Outeiro de Rei, gobernado polo popular José Pardo, aprobou por unanimidade reclamarlle á Igrexa os 46 bens inmatriculados coa lei que impulsou no seu día José María Aznar no Goberno.
A reclamación partiu do BNG, que logrou que esta moción fose aprobada nunha sesión na que o portavoz do grupo nacionalista, Xosé Ferreiro, avanzou que con esta acción tentan " recuperar os bens públicos propiedade da Igrexa e que rexistrou sen ningún tipo de documentación acreditativa, que son de uso público pero non dedicados ao culto relixioso".
O nacionalista debullou que se trata, sobre todo, de "aparcadoiros, campos da festa, mesmo camiños que a Igrexa ao amparo da lei de Aznar apropiouse indebidamente deles".
Tras a aprobación, o Consistorio "deberá reclamar" e recuperar "pola vía precisa este tipo de bens para o que é o patrimonio público" e dáse un prazo dun ano "para que actúe en consecuencia e reclame eses bens".
Ademais, hai casas reitorais que, aínda que non son de uso público, "foron construídas con achegas dos veciños e na época franquista eran de todo menos voluntarias".
"Eses bens teñen que volver ao patrimonio público", demandou Ferreiro, que puxo especial énfase na casa reitoral do municipio, que se vai destinar a un centro de día e pola que tivo que pagar o Concello de Outeiro de Rei.
De Carballeiras a prazas de aparcadoiro
Este mes de febreiro fíxose pública a listaxe de bens rexistrados pola Igrexa en virtude da lei de Aznar. Máis do 20% do total de bens rexistrados pola Igrexa en todo o Estado atópanse na Galiza. Trátase de 7.131, e destes, máis de 4.000 non están relacionados co culto.
A publicación deu pé a propostas por parte da oposición. O BNG, a través do seu portavoz no Congreso, Néstor Rego, reclamou abrir unha investigación. En 2019, a formación nacionalista reclamara coñecer todos os bens inmatriculados desde 1946.
O PSdeG pediulle ao Goberno galego que poña en marcha "accións e medidas necesarias" que permitan "impedir a consolidación do dominio ou outros dereitos reais inmatriculados a favor da Igrexa católica na Galiza".