"Os Limpamundos sempre traballan coa realidade, co contexto social. Fan contos, buscan solucións… aprenden a ser cidadáns e cidadás o día de mañá. Ante esta situación que estamos a vivir non podían quedar parados, tiñan que reaccionar", expón Alicia Tojeiro, mestra deste grupo de nenas e nenos de entre nove e dez anos de Santa Cruz, protagonistas dunha canción coa que queren "amosar o seu apoio neste tempo de confinamento".
Detrás do proxecto está unha formación "na que a perspectiva social e a educación en valores ten moito peso". "Cremos nunha educación non só enfocada na aprendizaxe do saber, senón tamén do ser: aprender a ser resilientes, a aguantar situacións complicadas, traballar a autoestima... aprender facendo, pensando e sentindo", explica a docente, que apunta que a creación do "himno" que hoxe sae á luz non é a única actividade dos Limpamundos, autores de contos, accións ou o proxecto solidario sobre o valor das diferencias "Só ti podes cambiar o mundo", que verá á luz nas semanas vindeira.
Para dar forma á súa canción, contactaron co músico e compositor Jesús Suárez, membro de Mar de Fondo e autor, entre outros temas, dun coñecido himno do Deportivo, quen aceptou "o reto" de facer unha composición infantil inspirada nas ideas motivadoras das pequenas e pequenos.
"Pareceume un proxecto moi chulo e todo un reto, porque eu fago cancións para xente adulta", recoñece o autor, que buscou inspiración na banda sonora do Xabarín Club. O resultado é un tema recolle o espírito dos Limpamundos e dá acompañamento ao vídeo no que as 25 alumnas e alumnos fan propostas para pasar estes días de confinamento.
Alicia Tojeiro salienta desta iniciativa o "traballo en equipo, que é a forma de que saian as cousas". A mestra pon en valor o labor musical de Suárez e de Iago González, profesor do Conservatorio de música da Coruña que tamén colaborou no proxecto, do informático Julián Ramiro e da familia Piñeiro, que se encarga de signar o vídeo, como unha das colaboración que realiza cos Limpamundos, que poñen a imaxe e a enerxía para "quedar na casa" e sacar nestas datas "os talentos que todos e todas levan dentro".
Esa mesma enerxía quérena transmitir tamén ao persoal sanitario e as persoas que estes días están ingresadas no complexo hospitalario da Coruña, as que o alumnado desta clase do Parga Pondal está a enviar cartas de ánimo e que xa lanza un novo reto: unha canción que lembre, cando todo esto pase, todo o traballo das profesionais da medicina, da enfermería e de todos aqueles ámbitos que hoxe dedican as 24 horas do día a minorar os efectos da pandemia "e que todo isto pase".