A dimisión da directora do CEIP Luis Seoane de Oleiros, forzada pola Xefatura Territorial de Educación, após un estudante quedara esquecido no transporte escolar cando se dirixía á clase esta terza feira segue a levantar controversia no municipio.
Debido á actitude da administración, que aludiu a que tiña perdido “confianza” na docente para que ocupase ese cargo, malia que o neno non chegou a pisar o recinto escolar en ningún momento e xa se comunicou o despido da persoa coidadora do autobús por parte da empresa de transporte, deceas de persoas fixeron hoxe unha protesta diante do centro para exixir responsabilidades á Xunta.
Tamén reclaman á empresa que deixou o alumno no autobús, mais consideran que a directora debe ser readmitida no cargo porque -contra o que di agora a xefatura, foi “obrigada a dimitir”- e ten o “total apoio de todo o municipio.
De feito, na concentración estivo o propio alcalde, Ángel García Seoane, que instou á Consellaría de Educación “a depurar responsabilidades coa compañía Eliseo Pita contratada para dar o servizo de transporte escolar”.
O menos de tres anos quedou abandonado “case cinco horas” no autocar, o que fai pensar ás nais e pais que “nin o persoal de acompañamento revisou o vehículo ao final da ruta escolar nin o condutor cumpriu cos protocolos de limpeza e desinfección contra a Covid-19”.
Na protesta de defensa da directora, incidiron en que esta foi apartada á forza do seu cargo “de maneira improcedente e inxusta, responsabilizándoa duns feitos totalmente fóra do seu alcalce”.
A Anpa ve “inxustificada” a acusación -malia que a xefatura asegure que non se informou en tempo e forma do acaecido- e presentará unha queixa ante a Xunta. Pola súa banda, representantes de CIG-Ensino mesmo pide o cese da persoa ao cargo da xefatura polo “uso improcedente do seu cargo público”.
Cumpriuse o protocolo de limpeza?
Pola súa banda, os pais do menor reclaman á Xunta que se promova unha formación específica para as e os monitores dos autocares. Despois das case cinco horas só, o seu fillo de catro anos "non quere ir en autobús nin á escola". Por iso, pregúntanse se alguén estaba cumprindo os protocolos de limpeza derivados da Covid-19, porque se fora así pensan que o neno non tería quedado esquecido.
"Que se faga un plan ao detalle co asento de cada nena ou neno, que ocupen sempre o seu lugar na ida e no regreso, durante todo o curso, levando un control das e dos que suben e baixan e, sobre todo, que se obrigue a desinfectar unha vez baixen", recalcan.
Respecto da directora, cuxa dimisión "obrigada" secundou o resto da directiva a modo de apoio, os proxenitores din trasladarlle "pleno apoio" porque ela non tiña culpa.