Galiza afronta esta semana unha selectividade de cifras récord de matriculados e matriculadas, nun contexto totalmente marcado pola COVID-19 e que obrigou a despregar un protocolo sanitario e de seguridade para garantir as medidas de distanciamento, o acceso ordenado dos alumnos e o control de aglomeracións nos distintos puntos que acollerán as probas.
Uns 14.555 alumnos matriculáronse para os exames, que supoñen uns 3.000 máis que o pasado exercicio, cando o facían uns 11.500 estudantes. En concreto, a cifra representa un aumento de 26% respecto a 2019, un incremento que se rexistra ademais en pleno operativo para tentar evitar aglomeracións debido ao coronavirus.
Os exames desenvolveranse entre o 7, 8 e 9 de xullo. Este ano, debido á crise sanitaria, multiplícanse as comisións delegadas (serán unhas 45), haberá menos alumnos por aula, as e os estudantes estarán máis distribuídos, e tamén se contará con moitos máis docentes e vocais para vixiar o cumprimento das medidas de seguridade.