"Censo da poboación de lobos (Canis lupus) do norte da Galiza e estimativa da densidade" é un traballo asinado por Pedro Alonso Iglesias, Miguel Hevia Barcón e David Martínez Lago incluído no último número da revista científico-técnica Recursos Naturais publicada polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC, que sitúa Galiza entre os territorios do mundo cunha maior densidade de poboación de lobo.
O traballo, que recolle os resultados obtidos en prospeccións durante 2019 e 2020, estiman a existencia de 22 grupos potencialmente reprodutores, ademais doutros individuos solitarios na zona obxecto de estudo, informa a Universidade de Santiago de Compostela (USC).
É unha área que se estende sobre unha superficie de 2.900 km2, na que se probaron a presenza de 16 familias reprodutoras (o 72,7% do total), unha cifra sensibelmente superior aos 6 grupos contabilizados no último censo oficial da Xunta, que compilaba datos dos exercicios 2013, 2014 e 2015.
O aumento deuse nas dúas últimas décadas
O biólogo Pedro Alonso sitúa este aumento da poboación de lobo na zona analizada nas dúas últimas décadas. De aí que a necesidade de actualizar "as estimativas de poboación da especie".
Os datos recollidas nesta publicación, traducidos a densidade de poboación, sitúan o nordeste da Galiza cuns valores de densidade estimada dos máis elevados en toda a área de distribución mundial da especie, informa Pedro Alonso, quen cifra a densidade media de lobo entre cinco e sete exemplares por cada 100 km2.
Os factores que explican o fenómeno
O progresivo despoboamento das áreas rurais, que implica unha redución do número de lobos que morren a consecuencia do furtivismo, é un dos factores que, segundo Pedro Alonso, favorece o incremento das poboacións de lobo no nordeste da Galiza.
A existencia de alimentación abundante nos montes da contorna, a proliferación de plantacións de eucaliptos e o progresivo abandono da cría de gando no monte, sobre todo da cabana equina, son outros dos parámetros que, segundo Alonso, contribúen á expansión e propagación do lobo.
Ademais, Alonso relaciona a alta densidade de lobo nesta rexión do nordeste da Galiza coa acentuada redución das poboacións de bestas, en parte derivada da acción depredadora do lobo, o que diminúe as porcentaxes poldros que acadan a idade xuvenil e agrava aínda máis a diminución de eguas reprodutoras, cuxa poboación xa se reduciu á metade nas últimas décadas.
A área na que se desenvolveu este estudo viría definida por unha liña que parte da localidade de Ribadeo cara á da Pontenova para logo virar a cara ao oeste, unindo Abadín, Vilalba e Monfero. A península da Capelada tamén figura no territorio analizado, que abrangue desde máis ao sur das nacentes dos ríos Mera, Sor, Landro, Eume, Ouro e Masma cara omar e co Eo como lmite cara ao leste, informa a USC.