O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, tomou a decisión de permanecer en Madrid por "prudencia e responsabilidade" ante a situación social que está a provocar o coronavirus. Así o transmitiu o nacionalista nesta sexta feira a través do seu Twitter, despois de que a Xunta e o Goberno de España aconsellasen a pasada xornada evitar viaxes e mobilizacións innecesarias.
Ademais, esta semana Rego tamén asistiu en Madrid a dúas reunións da Xunta de Portavoces do Congreso, polo que cre que "a decisión correcta" é quedar en Madrid ante o risco de ser un potencial contaxiado por COVID-19.
No mesmo tweet asegurou que se atopa "perfectamente" ben, pero con esta medida pretende protexer aos seus, á súa xente e a Galiza en xeral, xa que Madrid é o principal foco de contaxio de Estado español.
Após asistir esta semana a dúas reunións da Xunta de Portavoces do Congreso, decidín ficar en Madrid. Estou perfectamente, mais acho que é a decisión correcta, por prudencia e por responsabilidade para cos meus, coa miña xente e co meu País.
— Néstor Rego (@NestorRego) March 13, 2020