Este domingo, 8.734 persoas acuden a un concurso oposición no que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) oferta 372 prazas de turno libre. Unha cita para a cal a plataforma Enfermeiras eventuais en loita fixo un chamado: vestir de negro, de loito, para denunciar a situación de precariedade na que traballa e vive este colectivo profesional, a #OPEnegra. Son o colectivo sanitario máis numeroso.
Nas últimas horas as redes sociais inzáronse de imaxes e mensaxes de apoio e ánimo ás opositoras por parte de compañeiras, volvendo emerxer a bandeira do Nunca Máis, desta volta contra a precariedade. Denuncian a “precariedade laboral que afecta cada vez a máis traballadoras” deste colectivo, así como á propia “calidade asistencial”: inestabilidade laboral, eventualidade e temporalidade, imposibilidade de gozar do dereito a vacacións...
A campaña iniciada por este colectivo xa logrou facerse viral. Nela participan non poucos rostros coñecidos da política, a cultura ou a sociedade galega. Desde o actor Luis Tosar até o cociñeiro Pepe Solla, desde o xornalista Gonzo até políticos como Ana Pontón, Yolanda Díaz, Abel Losada ou Xulio Ferreiro. Até a orquestra París de Noia ou o conxunto Dakidarría se animaron a gravar pequenos vídeo de apoio ás demandas. Todos eles poden verse no Facebook do colectivo.