Fernando Martínez Randulfe faleceu en Vigo, cidade na que desenvolveu á súa carreira profesional como avogado especializado en asuntos laborais.
A defensa dos dereitos dos traballodes foi un obxectivo que compartiu durante moitos anos con Elvira Landín, fundadora do despacho no que comezou a exercer nada máis trasladarse desde a súa cidade natal, Ourense, onde xa se iniciara como letrado.
Landín foi, ademais, até a década dos 90 a súa parella e compañeira de vida. Xuntos, enfrontaron un dos desafíos profesionais máis importantes da clase obreira galega. Nos anos 70, na recta final do franquismo, asumiron a defensa dos traballadores afectados pola folga de 1972, chamada a mudar o movemento obreiro e sindical da Galiza.
Segundo lembra o historiador José Gómez Alén na obra Elvira e Fernando. Xustiza, traballo e liberdade, publicado en 2015, o seu traballo ía máis aló da defensa xurídica e procesal. Exercían como asesores dos traballadores en negociacións colectivas até o punto de crear unha escola de dereito entre a súa casa e o despacho.
Martínez Randulfe tamén participiou da política galega nos primeiros anos tras a fin ditadura. Vencellado inicialmente aos xesuítas, afiliouse a Esquerda Galega, encabezou a candidatura por Ourense nas primeiras eleccións autonómicas, mais non conseguiu escano. Catro anos despois, en 1985, obtivo representación, ao figurar como número dous da candidatura do PSG-EG por Pontevedra.
Nos últimos anos foi presidente de Esculca, observatorio para a defensa dos dereitos e as liberdades civís na Galiza.