Os servizos de emerxencia tiveron que mobilizar na tarde desta cuarta feira o helicóptero Pesca 1 de Gardacostas para rescatar un menor ferido tras caerse dunha pedra nunha zona de difícil acceso en Muxía (comarca de Fisterra).
Tal como informaron fontes do 112 Galia a Europa Press, os feitos ocorreron minutos antes das 13:00 horas, cando un particular alertou de que un amigo caeu despois de desviarse do camiño principal mentres realizaban a etapa 7 do Roteiro dos Faros.
Segundo dicía na chamada, o sitio máis próximo até onde podería chegar unha ambulancia estaba a máis dun quilómetro. Por iso, deuse aviso á Policía Local, aos Bombeiros de Cee, á Garda Civil, a Protección Civil e aos servizos de Urxencias Sanitarias.
Con todo, o gran operativo confirmou que era "case imposíbel" o rescate por terra, polo que se solicitou a actuación do helicóptero Pesca 1, que acudiu á zona e trasladou ao menor a un centro hospitalario.
Fontes do servizo de Bombeiros consultadas por Europa Press explicaron que o mozo caera dunha pedra, levando un golpe na mandíbula e no xeonllo, que lle impedía camiñar.
Tratábase dun grupo de adolescentes que estaba a realizar o Roteiro dos Faros e, ao decatarse os profesionais de que era moi difícil a súa evacuación en padiola, decidiuse chamar ao helicóptero. Pese ao susto, as mesmas fontes indicaron que o menor está fóra de perigo.