O estudo de condición de vida nos fogares desenvolvido polo Instituto Estatístico de Galiza (IGE) fixa os ingresos medios percibidos por unha unidade familiar de maneira mensal en 1.906 euros. Unha cifra que se distancia progresivamente dos 2.026€ do 2007. Por persoa, a cifra descende a 734 euros.
Porén, esta realidade agrávase na metade de fogares galegos onde os ingresos medios son inferiores a 1.652 euros ao mes. A procedencia dos ingresos continúa a ser maioritariamente do traballo por conta allea (50,6%), fronte ao 10,2% que traballa de maneira autónoma.
Porén, en tres de cada dez moradas (36,3%) a totalidade dos ingresos que perciben proveñen dalgún tipo de prestación, sendo que en 44,7% este tipo de percepcións representan máis da metade do diñeiro que entra na casa.
En número de persoas, segundo o IGE, 551.652 galeg@s obteñen os seus ingresos dunha actividade produtiva remunerada fronte á 469.366 persoas que os reciben en forma de prestación, incluíndo as pensións por xubilación.
A Rede galega contra a pobreza cifrou en 2013 o número de persoas en risco de exclusión social en 667.657, o 24,3% da poboación
Así, o informe sobre condicións de vida nos fogares galegos sitúa nun 56,2% a porcentaxe de familias que di chegar con dificultade ou moita dificultade a final de mes froito dos escasos recursos económicos cos que conta.
Neste senso, segundo a Rede galega contra a pobreza cifra en 667.657 o número de persoas en risco de exclusión social. Isto é, o 24,3% da poboación en 2013. Destas persoas, 472.580 atópanse en risco de pobreza, un 17,2%, acrecentan.