A situación na residencia privada de maiores do Incio continúa a facer soar as alarmas na Galiza, logo de que o coronavirus se voltase a disparar neste centro, que leva unha semana intervido pola Xunta após detectarse un foco de coronavirus.
Os datos comunicados onte polo Sergas evidencian que 74% das persoas usuarias están contaxiadas (87 das 118 residentes) e alcanza os 26 casos no cadro de persoal. No principal núcleo de poboación deste concello "hai medo", recoñecen veciños cos que Nós Diario puido conversar.
"Vese pouca xente nos bares e nas rúas, porque até que se detectaron os primeiros contaxios varios residentes saían do centro, familiares ían buscalos para levalos fóra, mesmo xente chegada de Barcelona acudía ao centro a recollelos", afirman.
De feito, a Consellaría de Sanidade xa decidiu activar un cribado entre a veciñanza para detectar contaxios alén dos muros da residencia de maiores.
A residencia do Incio
O centro xeriátrico do Incio tivo cero casos durante a primeira parte da pandemia e a veciñanza apunta para ben o labor do cadro de persoal, de quen enxalza a súa profesionalidade e o bon trato que dan ás usuarias.
Mais a pesar da ratio que cumpre a residencia (74 profesionais), non todo o persoal está a xornada completa, sinala outra veciña, que tivo unha familiar durante o ano pasado prestando servizos neste centro "con noites continuadas en que se atopaban unicamente dúas traballadoras para atender a máis de 100 de usuarias".
O persoal depende da titular da residencia, a Fundación San Rosendo, que conta cun escuro feito que se remonta ao ano 2008, cando o cura Benigno Moure, presidente e impulsor da entidade (actualmente presidente honorario) foi condenado por enganar unha muller con alzheimer ingresada nunha das súas residencias, até arrebatarlle 573.673 euros. O centro é un suculento negocio para esta entidade relixiosa.
O concello do Incio afrontou un terzo dos custos da construción, pavimentando o terreo, instalando o alumeado e urbanizando o espazo, lembra o daquela concelleiro do BNG Cosme Pombo. O nacionalista presentara unha moción durante o tempo en que se construíu a residencia para que, en consecuencia co investimento do concello, un terzo das prazas fosen para veciñanza do Incio que precisase delas. A iniciativa foi rexeitada. Aliás, a Xunta concesionou máis dunha vintena de prazas, lembra Pombo, facendo o negocio máis redondo.
Investigar a crise
"Foi unha sorpresa grande o que aconteceu nesta residencia", recoñece o alcalde do Incio, Héctor Coruxo (PP), a Nós Diario. "Aquí houbo un bo manexo da Covid-19 e esta residencia tiña sona de funcionar ben, por iso non dabamos crédito cando se coñeceu o contaxio".
O rexedor non entende que puido acontecer para que o virus pasase de afectar "cero residentes a case a totalidade", confesa. "Supoño que se acabará investigando o que aconteceu aquí", engade.
Carme Aira, veciña do Incio, sanitaria e deputada do BNG no Parlamento galego, carga as tintas sobre "a necesidade de investigar o sucedido nas residencias" e lamenta que non se teña feito xa.
En conversa con este medio cualifica de "incomprensíbel" que a Xunta non teña estudado que foi o que fallou nas residencias na primeira vaga da pandemia.
[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da sexta feira, día 28, nos quiosques ou na nube]