Marta Rivera de la Cruz manda unha mensaxe de ánimo a través das redes sociais ás e aos 11.000 estudantes que estes días tiveron que pasar na Galiza a proba da selectividade, a ABAU. Mais a deputada de Ciudadanos electa pola Coruña e responsábel de Cultura da formación dirixida por Albert Rivera non se conforma cunha simple mensaxe de apoio a estas mozas e mozos e engade: “El examen gallego es uno de los más difíciles”. Para completar o recado, acompaña esa afirmación unha imaxe na que se defende unha “Selectividade única” para todo o Estado español.
“Desde Ciudadanos seguiremos a exixir un mesmo modelo de exercicio en toda España”, remarca a deputada. Esta cuarta feira A CRTVG vía o galego “unha desigualdade” nas probas de acceso á universidade. “Examínanse dunha materia máis, a de galego, e a maiores as probas son máis difíciles e os criterios de corrección, máis esixentes”. Este foi o enfoque co que a TVG informou do inicio das probas da ABAU, a anterior Selectividade.
Mucha suerte a los 11.000 estudiantes que hoy empiezan su selectividad en Galicia. El examen gallego es uno de los más difíciles. Desde @CiudadanosCs seguiremos exigiendo un mismo modelo de ejercicio en toda España. pic.twitter.com/vsEM3t9rab
— Marta Rivera (@CiudadanaMartaR) 12 de xuño de 2019
Non é a primeira vez que Rivera de la Cruz xera polémica coas súas afirmacións sobre o galego. “Que no me toque mucho las narices, que empiezo a decir Rianjo”, ameazou cando un internauta a convidara a utilizar o topónimo oficial da cidade da Coruña cando anunciaba a presentación dun dos seus libros. “A mí es que me gusta La Coruña”, dixera entón.
No seu propio blogue, no ano 2010, escribía, en español, despois das multitudinarias manifestacións en defensa do galego no ensino: “O que tiña que facer Feijóo xa o fixo: pechar a billa. Cortar o subministro das xenerosas subvencións. As viaxes pagadas e as axudas aos castelanófobos. Feito isto, que berren cando queiran, que convoquen manis e que faciliten as cousas para que os estudantes teñan máis dias de asueto. Para o que lles vai servir!”, dicía, a respeito das mobilizacións de defensa da lingua.