O 9 de xaneiro o 2013, Sakine Cansiz, cofundadora do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), Fidan Dogan, membro do Congreso Nacional do Kurdistán, e Leyla Soylemez, activista kurda, recibiron varios tiros na testa no Centro de Información do Kurdistán en París. As autoridades francesas arrestaron a dous sospeitosos, un deles posto en liberdade posteriormente, e Omer Guney, quen faleceu hai pouco máis dun ano a causa dun tumor cerebral.
Francia investigou os presuntos lazos entre Guney e o servizo secreto turco mais coa morte do asasino, o xuízo foi arquivado “sen ter en conta os intereses agochados tras a man executora”, tal e como denuncia a Marcha Mundial das Mulleres no seu comunicado.
O acto tamén servirá para condenar tamén o recente asasinato de Seve Demir, organizadora da posta en marcha da Caravana Feminista para IV Acción Internacional da MMN na cidade kurda de Nusaybin e membra do Partido Democrático das Rexións (BDP); Pakize Nayir, vicepresidenta da Samblea Popular do distrito kurdo de Silopi; e Fatma Uyar, activista da Unión de Liberación das Mulleres.
O pobo kurdo é o maior grupo étnico do mundo sen estado propio. A maioría deles viven en Turquía, onde desde 2015 os ataques e bombardeos contra os terriotorios kurdos intensificáronse.
“Os atropelos contra os dereitos humanos dos kurdos explícanse en base ao acordo de vergoña asinado entre Turquía e a UE”, entre os que se manteñe unha suposta relación de boa confianza na cal Turquía, “accede a facer de barreira contra as mareas de refuxiadas a cambio de cuantiosos ingresos”. “No pobo kurdo as mulleres ocupan posicións políticas e son activas nas organización sociais e económicas, costruíndo unha sociedade igualitaria”, expón a Marcha Mundial no seu comunicado.