Os bosques de ribeira do país dos mil ríos non están no seu mellor momento de saúde. Un informe de ‘Proxecto Ríos’ recolle que máis do 50% dos ríos estudados, tanto en primavera como en outono, presentan un bosque de ribeira en mal estado de conservación, “ben con alteracións importantes ou moi degradado, que en moitos casos a presenza de especies exóticas invasoras é determinante”. De feito, o 20% deses bosques están “moi degradados”. Pola contra, indícase neste informe que anualmente realiza Adega, o 40% das masas arbóreas das marxes dos ríos están en bo estado.
“Dende o inicio do proxecto, e moito máis nos últimos anos, estableceuse unha tendencia que manifestaba a situación de degradación na que se atopa o bosque de galería que acompaña aos ríos”, constátase no mencionado estudo. Un documento elaborado coas achegas, análises e mostraxes de voluntarios que se coordinan en 353 grupos.
En base a todos eses datos Proxecto Ríos valora o estado de saúde dos ríos, dos bosques de ribeira así como a calidade do hábitat. No informe de 2016, rexístrase que na primavera dese ano o 34% dos ríos tiñan moi bo estado de saúde, unha porcentaxe que no outono aumentou ao 42%. En bo estado figuraban o 38% dos ríos analizados en primavera e o 42% en outono. Como moderado, deficiente ou mal estado están o 27% dos ríos (na primavera) e o 17% (no outono).