A zona de Canibelos, na cidade de Ourense, segue padecendo o incendio que se iniciou este sábado desde as 15.03 horas, segundo informan fontes da Consellaría de Medio Rural. Polo de agora xa afectou a unhas 60 hectáreas.
A pesar da súa proximidade ás vivendas, desde a Xunta aseguran que “non hai perigo” para as casas.
Estabilizado o incendio de Porto do Son e coontrolado en Rubiá
O incendio rexistrado no municipio de Porto do Son desde as 17.42 horas deste sábado e que calcinou unha superficie de 40 hectáreas permanece estabilizado, segundo as mesmas fontes.
Por outra banda, o incendio que comezou esta sexta feira en Rubiá e que queimou 41,35 hectáreas do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra continúa controlado desde as 19 horas deste sábado.
Este foco iniciouse sobre as 13.05 horas do venres na parroquia de Pardollán e, segundo os datos provisionais de Medio Rural, calcinou 30 hectáreas de monte arborado e o resto, de raso.