As estacións rupestres da aba do Farelo, na bisbarra da Ulloa, fan parte do inventario arqueolóxico da Dirección Xeral de Patrimonio. Daquela, atópanse baixo a protección do artigo 38 do segundo capítulo da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galiza. Este apartado, relativo aos contornos de protección subsidiarios, decreta unha franxa de anchura “medida desde o elemento máis exterior do ben que se protexe”. “200 metros en bens integrantes do patrimonio arqueolóxico”, concreta a norma.
Segundo as medicións realizadas no lugar por activistas culturais da zona, “a cimentación do edificio do macrocriadeiro avícola está a 70 metros”. A maiores, explican, “o desmonte e o movemento de terra xa é enorme. E aínda non están trazados os accesos nin as plataformas para camións ou para silos”. A obra realízase nunha parcela privada que, hai décadas, era monte comunal.
O proxecto, xa en fase de construción, está próximo a catro conxuntos de petróglifos que figuran no catálogo da Xunta. Son -entre parénteses, o número de rexistro-, na Pena das Pías, o petróglifo 9 do campo da Uz (GA27003056); na Cruz do Seixo, o petróglifo 12 do Campo da Uz (GA 27003081); e as estacións E10 (GA27003080) e E11 (GA27003058). É a respecto destes dous últimos que incumpre a lei.
A enorme riqueza arqueolóxica do espazo -entre os de maior densidade de petróglifos de toda Galiza, con 213 estacións rexistradas- xa sufriu ataques no pasado sen que o Goberno galego reaccionase, malia denuncias da veciñanza. Activistas lembran outra granxa, esta de porcos, e o despezamento dunhas mámoas.
O Instituto de Estudos Ulloáns vén de remitir unha carta á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta en que explica a situación e pon a disposición da autoridade competente “toda a documentación recollida”. A maiores, solicita “a urxente investigación dos feitos, a inmediata paralización da obra e a restitución do nivel do terreo orixinal”.
Nota: imaxe de petróglifos no monte Farelo. É de ospendellos.blogspot.com.