O goberno británico deu 'luz verde' á construción dunha central nuclear. A primeira que se vai facer nas illas desde 1995, segundo informa Euronews. Unha empresa francesa, EDF, vai ser quen desenvolva un proxecto que, como insiste o primeiro ministro David Cameron, “non vai custar unha libra aos contribuíntes británicos”. “Estamos a atraer investidores estranxeiros”, presumiu Cameron, pondo como exemplo o proxecto de central nuclear.
EDF vai encabezar un consorcio no que hai mesmo investidores chineses para facer esa central en Somerset, no sudoeste de Inglaterra. A central 'Hinkley Point C' terá dous reactores que serán quen de xerar enerxía a partir de 2023 para seis millóns de persoas.
O goberno e EDF manteñen negociacións desde hai meses sobre o prezo a pagar á empresa francesa por producir electricidade.