O conflito de Vilagudín hai que encadralo no contexto da construción da central térmica de Meirama, debido a que as augas do encoro de Vilagudín servirían para refrixerar a central. A resistencia ao proxecto foi liderada por Manuel Fraga Seoane e Moncho Valcarce Vega (o crego das Encrobas) co respaldo a nivel sindical das Comisións Labregas (CC.LL.) e dos Comités de Axuda á Loita Labrega (CALL). O apoio político chegaría maioritariamente do Bloque Nacional Popular Galego (BN-PG).
Manuel Fraga Seoane, da parroquia de Gorgullos (Tordoia), encabezou a rebelión contra Fenosa. A experiencia migratoria na Suíza, a militancia desde o ano 1977 no Bloque Nacional Popular Galego e nas Comisións Labregas levárono a tomar conciencia da tentativa de saqueo das propiedades dos veciños afectados polo encoro.
Posteriormente á revolta (1976-1979), Manuel Fraga Seoane continuou na loita, traballando arreo pola defensa da identidade do país: formou parte activa da Irmandade Moncho Valcarce, creou un Museo Etnográfico no pendello da súa casa e converteuse nun dos artífices, xunto cos seus veciños de Santaia de Gorgullos, da recuperación dos cantos de Nadal e Reis, agora esquecidos.
[Podes ler a información íntegra no número 306 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]