Sobre a comarca de Ordes pesa unha nova ameaza en forma de vertedoiro que pode sumarse ao de Areosa (Cerceda), que xestiona os refugallos de Sogama, e á planta de Gesuga (Cerceda), onde se incineran restos cárnicos. Nesta ocasión trataríase dun vertedoiro de refugallos non perigosos derivados da construción e da demolición e situaríase nun terreo da parroquia de Lesta (Ordes). Actualmente estase a tramitar a avaliación ambiental e a autorización ambiental integrada para instalar dito vertedoiro.
Ao mesmo tempo, e segundo informa a Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Lesta, a Xunta deu luz verde a toda a tramitación que levará a instalar unha liña eléctrica por riba dos terreos do vertedoiro, o que preocupa a este colectivo.
Desde a asociación, e referíndose á información do propio proxecto do vertedoiro, indican que do mesmo emanan “gases combustíbeis e con efectos explosivos”, o que converte a liña eléctrica “nun detonador”.
Mais ese non é o único argumento que dan desde a asociación. Así, Indican que a liña atravesaría unha zona do vertedoiro que unha vez rematada e selada estaría a unha distancia da liña que “incumpriría a distancia de seguridade”. E a isto engaden que a liña “é incompatíbel” co tratamento ambiental do vertedoiro.