Sanidade notificou este domingo un lixeiro descenso de casos da Covid nas residencias de maiores. Así, as e os usuarios coa infección activa son 435, após rexistrar na última xornada 16 novos positivos e 21 altas.
Pola contra, faleceron dúas persoas, un home de 79 anos que procedía do centro Quercus de Leiro e unha muller de 89 da residencia de Ribadeo.
No tocante ás e os traballadores, hoxe son 243 as afectadas (dous positivos e 16 altas nas últimas horas).
As residencias cunha situación máis comprometida son a DomusVi de Carballo (75 usuarias e 29 traballadoras), a Nosa Señora do Carme de Sarria (74 e 0) e a Quercus de Leiro (51 e 20).
Centros de atención á diversidade
Por outra banda, os casos aumentaron levemente nas residencias de atención á diversidade até alcanzar os 108 (+1) entre as persoas usuarias.
A Pai Menni de Betanzos continúa como a máis afectada (62 positivos), seguida por Nosa Señora de Fátima e Cristo Rei de Crecente (40).
En canto ás e os traballadores contaxiados nestes centros, aumentan a 50 (+3) despois de tres novos positivos na residencia Pai Menni de Betanzos, que con 24 é tamén a que maior número de positivos ten entre o seu cadro de toda Galiza.