Iván Varela, divulgador científico: "Hai que mudar o feito de que o galego siga sendo unha lingua desprazada na divulgación científica"

Iván Varela tamén participou no antigo proxecto de divulgación A Camisola (Foto: Nós Diario)
Iván Varela e Paula Otero son dous doutores e divulgadores científicos que veñen de lanzar o seu novo proxecto audiovisual Ciencia en Tal. O programa, que terá formato multisección e vai ser emitido en Twitch, busca afondar na divulgación de información de carácter científico en lingua galega e dun xeito ameno e informal. Non é o seu primeiro proxecto deste tipo, polo que a súa experiencia no ámbito da divulgación asegura tanto a calidade dos seus contidos como o atractivo dos mesmos.
 

Cando tiveron a idea de crear Ciencia e Tal? Para que?
Ciencia e tal é a continuación dun proxecto previo de divulgación, A Camisola, co que comezamos esta aventura no Twitch, que consistía en conversar en directo con personalidades galegas de referencia relacionadas con distintos eidos. Quixemos mudar lixeiramente o formato das retransmisións, e apostar por un ton máis distendido e informal, ademais de crear un espazo que xire arredor de xente máis nova. convencidos de que, se ben aínda ten moito por facer, tamén ten moito que contar.

Pensamos que é importante que se fale de ciencia, que se faga de maneira rigorosa e atractiva. Crear iniciativas que acheguen á xente ao coñecemento científico. Esta pandemia está a demostrar que é preciso potenciar a base científica da sociedade para evitar que argumentacións absurdas e insultantes resulten atractivas polo seu reducionismo e o descoñecemento de quen as escoita. 

Como é o funcionamento do espazo de divulgación?
Trátase dun espazo multisección, baseado na retransmisión dun programa en directo cada semana, que quedará gravado e almacenado nas nosas redes. Así poderá visualizalo quen queira en calquera momento.

Queremos que sexa unha plataforma aberta a todas, que acolla a xente relacionada coa ciencia, pero tamén a outra que non o estea tanto, e que intente crear comunidade mediante a interacción constante con todas aquelas persoas que nos sigan dun xeito ou doutro.

Que tipo de contidos adoitan tratar nos programas?
Abordaremos temas relacionados cos distintos eidos científicos, máis ou menos actuais. Por explicalo de xeito ilustrativo, imos falar do último artigo publicado na revista científica x, pero tamén do que di a ciencia sobre aspectos que envolven o noso día a día, como por que se lle engade piña á pizza, por que a algunhas persoas o coriandro lles sabe a xabón e a outras non, até onde poderiamos chegar se estiramos o ADN das nosas células ou por que os paxaros carpinteiros non rematan o día con dor de cabeza, por citar algúns. A ciencia ten respostas para case todo, e aseguramos que as temáticas das que falaremos non van deixar indiferente a ninguén.

Por que decidiron optar polo formato que ofrece Twitch? 
Porque cando decidimos avanzar co proxecto xa existían dous espazos de divulgación científica en galego nesa plataforma, Ecos de Xigantes e Balea Vermella. Ademais de ser pioneiros, son auténticas referencias, e queremos recomendar os seus contidos encarecidamente. Nós vimos do mundo do podcast e, se acaso, do da divulgación máis básica, polo que nos pareceu tan interesante o que estaba facendo esta xente, que quixemos tirar tamén por aí.

Ademais, a dinámica do Twitch é moi atractiva, pois permite un nivel de interacción moi elevado coas persoas que están a seguir o directo. E para nós non hai mellor maneira de aprender que tratando de involucrar a toda a xente que teña un certo gusto pola ciencia.

É importante que existan iniciativas que pulen pola difusión de coñecementos (no seu caso, científicos) na lingua galega?  
É importante, e cada vez máis, pois a lingua é un patrimonio dun valor incalculábel que ninguén vai coidar por nós. Ademais, abonda con botarlle unha ollada ao Twitch en Galego ou ao Podgalego para decatarnos de que hai persoas creando contido na nosa lingua dunha calidade enorme. E, respecto ao eido científico, somos conscientes de que se aínda hai ámbitos nos que a día de hoxe o galego está desprazado ou infraempregado, a ciencia é un deles, e isto ten que rematar de mudar.