Un incendio forestal declarado á última hora da tarde na parroquia da Canicouva, en Pontevedra, está a pór en risco o Parque Forestal do Monte da Fracha.
O lume iniciouse contra ás 19.35 horas, segundo os datos oficiais, e axiña comezou a propagarse, volvéndose visíbel desde os concellos veciños de Soutomaior e Ponte Caldelas, onde o incendio xa estaría a afectar tamén.
Desde Cotobade parece un volcán ahora mismo (20:40) pic.twitter.com/WPHX2JPgNa
— Irene (@irenefdezjorge) August 5, 2022
Medio Rural desprazou até o lugar un axente, catro brigadas, dúas motobombas, dúas pas e tres helicópteros.
Polo de agora descoñécese a extensión calcinada, mais veciñanza da zona trasladou a Nós Diario que as lapas están avanzando a gran velocidade e desde diferentes focos.
Parque Forestal do Monte da Fracha
O Parque Forestal do Monte da Fracha é unha zona de máis de 400 hectáreas de extensión que conta con área de lecer e diversos carreiros habilitados para o paseo e clasificados segundo dificultade. O seu miradoiro abarca as rías de Pontevedra e parte da ría de Vigo.
O ano pasado leváronse a cabo tarefas de reforestación para plantar 15.000 árbores autóctonas, ademais de varias obras para a restauración de espazos naturais que agora o lume está a pór en serio risco.