Un incendio en Viana do Bolo, comarca de Viana, que se atopa activo, arrasa 210 hectáreas, segundo a actualización desta mañá de sexta feira da Consellería de Medio Rural.
O lume, iniciado ás 20:28 horas desta quinta feira na parroquia de Vilardemilo, rexistrou até cinco focos diferentes no seu comezo, polo que este departamento apunta a unha "clara intencionalidade".
No seu control traballaron os medios acumulados de: catro helicópteros, catro avións, 10 motobombas, 20 brigadas, dúas pas e seis axentes.
Desta forma, xa é o de maior superficie arrasada nesta campaña de alto risco na Galiza, ao superar --con datos provisionais-- as 144 hectáreas calcinadas no incendio de Verín (comarca de Monterrei), que permanece estabilizado --aínda sen control--. Neste último traballaron 10 helicópteros e nove avións, entre outros.
1 de xullo principiou a campaña de alto risco de incendios. Fíxoo cun conflito laboral aberto entre a Xunta da Galiza e mais o persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) e cun mínimo de 133 Concellos sen os correspondentes e obrigatorios plans de prevención contra os incendios aprobados.