O ministro de Sanidade, Salvador Illa, insistiu esta tarde en instar á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, a que “se deixe axudar” e atenda “as recomendacións” do seu departamento para controlar a pandemia.
Dados os gromos xurdidos nos últimos días, as autoridades sanitarias veñen de recomendar que se restrinxa a mobilidade en toda a cidade e non só nas 45 zonas afectadas até o de agora.
Após manter unha reunión “cordial” pero sen achegamento das partes hoxe mesmo, Illa subliñou que existe “transmisión comunitaria” e que o virus “non está controlado” na comunidade.
O representante do Executivo de Pedro Sánchez falou da necesidade de “actuar con determinación” e con “carácter inmediato” para intentar frear unha onda de contaxios que, polo momento, avanza sen demasiadas dificultades.
“Pedimos á presidente que escoite as recomendacións que facemos, que vexa os datos tal como son”, remarcou.
Quixo pedir que se desligue a actuación ante a pandemia das cores políticas porque “non é unha batalla ideolóxica, é epidemiolóxica”.
“Madrid é un caso especial de densidade e mobilidade e, por iso, acordouse un espazo de coordinación reforzada e un plan especial Covid-19”, xustificou na rolda de prensa.
“Non hai que enganarse, veñen semanas moi duras, complicadas, nas que hai que actuar para controlar a pandemia. Se non o facemos teremos que tomar medidas moito máis duras”, advertiu o responsábel da área de Sanidade.