O programa da Radio Galega 'Galicia por Diante' convidou esta segunda feira o comunicador Hugo Pereira Chamorro, redactor e adxunto ao director do xornal ultradereitista Periodista Digital, dirixido por Alfonso Rojo, e colaborador de Javier Negre en Estado de alarma TV.
O anuncio causou indignación nas redes sociais, onde moitas persoas usuarias lembraron algunhas das polémicas declaracións de Pereira, que cursa os estudos de Ciencias Políticas na Universidade de Santiago de Compostela e, tal e como figura no seu perfil de Linkedin, desde este mes de marzo é comentarista dos medios públicos da Galiza.
No marco da campaña das eleccións galegas de 2020, escribiu —e posteriormente borrou— na súa conta de Twitter: "O nacionalismo é fonte de violencia e intolerancia. Preocúpame que Galiza acabe como País Vasco ou Cataluña. Hai uns días agrediume un nacionalista galego en Vigo por levar [unha bandeira de] España na máscara".
Noutro polémico chío —que tamén eliminou—, no marco das protestas contra un mítin de Vox en Vallecas (Madrid) en abril de 2021, dixo: "O ocorrido en Vallecas no mítin de Santiago Abascal e [Rocío] Monasterio, alentado por Antonio Maestre ou [Pablo] Echenique, é o preludio dunha nova Guerra Civil en España. E quizais esta sexa a única solución á deriva de España. Non calemos nada nunca máis".
Aliás, en agosto de 2020 publicou na mesma rede social un chío no que chamaba "feminazi" á ministra de Igualdade do Goberno estatal, Irene Montero: "Como de feminazi hai que ser para dicir que te representa unha muller que dixo que ía defender ás mulleres e que ao mesmo tempo di que as mulleres e os homes non existen, que é unha construción social?".
Pregunta retórica para los de #IreneMeRepresenta:
— Hugo Pereira Chamorro (@Pereira_Hugo_) August 9, 2020
¿Cómo de FEMINAZI hay que ser para decir que te representa una mujer que dijo que iba a defender a las mujeres y que al mismo tiempo dice que las mujeres y los hombres no existen, que es un constructo social?
FEMINISTAS ABSURDAS. pic.twitter.com/EdYmIlxoap
E a finais dese mesmo ano, cando varios membros do Partido Republicano dos EUA acusaron Joe Biden de manipular as eleccións presidenciais, apuntou —cando aínda non rematara o reconto—: "Xa practicamente podemos afirmalo: Trump gaña as eleccións dos EUA. Estou contento pero non podo agochar a envexa que me produce saber que nos EUA, a diferenza de España, o socialismo non destruirá o país. O milagre económico de Trump continuará".
Outro chío no que falou dun suposto 'pucherazo', mais que non borrou, publicouno no marco das eleccións ao Parlament de Catalunya do pasado ano, que, afirmou, "non foron democráticas e libres para Vox, sometido ao terrorismo indepe [sic]".
En estas elecciones controladas por un Gobierno y una Generalidad liberticida y autoritaria no solo preocupa el posible #Pucherazo, sino tb que no fueron unas elecciones democráticas y libres para VOX, sometido al terrorismo indepe.
— Hugo Pereira Chamorro (@Pereira_Hugo_) February 14, 2021
Ánimo valientes apoderados de C’s, PP y VOX.
Pereira tamén tivo unhas palabras para os menores estranxeiros non acompañados, para quen pediu en Twitter a súa "identificación" e "deportación urxente" e o envío do Exército a Ceuta.
Muchos españoles en Ceuta tienen miedo a salir de sus casas ante la invasión de MENAS descontrolados y sin identificar de Marruecos.
— Hugo Pereira Chamorro (@Pereira_Hugo_) May 18, 2021
1. Ejército q proteja
2. Identificación de los ilegales
3. Deportación urgente
4. Dimite ya Marlaska
Abascal, el único que está hablando claro.