As reservas do grupo sanguíneo Cero positivo (0+) e do A negativo (A-) encóntranse baixas na Galiza, mentres que as de Cero negativo (0-) e A positivo (A+) permanecen en niveis normais.
Son precisas entre 400 e 500 doazóns ao día
Por iso, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), segundo sinalou nun comunicado, chama á participación da cidadanía para doar sangue xa que, lembra, os hospitais galegos necesitan entre 400 e 500 doazóns diarias para levar a cabo o seu labor asistencial.
Para facilitar a doazón, unidades móbiles de ADOS visitarán diversos concellos galegos nos próximos días para conseguir as doazóns necesarias para os centros sanitarios da Galiza.
Onde se poderá doar
En concreto, a segunda feira, 20 de xuño, acudirán unidades móbiles ás localidades de Ortigueira (diante do novo centro de saúde), Arteixo (Grupo Inditex) e Carnota (diante do Concello).
Así mesmo, esa mesma segunda feira, ADOS enviará unidades móbiles para facilitar a doazón no concello de Foz (diante do Consistorio municipal) e tamén nos municipios de Pobra de Trives (rúa San Martiño) e Ourense (barrio do Posío).
O día 20 tamén se desprazarán unidades móbiles aos concellos do Grove (Praza do Corgo), Nigrán (diante do Consistorio) e Silleda (fronte ao centro de saúde).