O grupo sanitario Riera salud, con sede en Valencia, alcanzou un acordo cun grupo de accionistas do Hospital Polusa de Lugo para se facer coa participación maioritaria do centro sanitario. O peche da operación está pendente das autorizacións pertinentes, polo que aínda non se fixo efectivo.
Con este proxecto, segundo explicou a compañía nun comunicado, RS "consolida a súa expansión e crecemento na Galiza", onde tamén conta co Hospital Povisa de Vigo desde finais de 2019.
Os asesores de Ribera salud que participaron nesta operación foron Deloitte (asesor financeiro) e Cuatrecasas (asesor legal).
O Hospital Polusa, situado en Lugo, conta cunha dotación de 97 camas, cinco quirófanos, unidade de pacientes xeriátricos, hospital de día oncolóxico, radiodiagnóstico, laboratorio clínico e un persoal de 135 profesionais.
Ribera Salud xestiona no Estado seis hospitais, tres deles universitarios, e máis de 80 centros de saúde na Comunidade Valenciana, Comunidade de Madrid, Galiza e Estremadura. Tamén participa noutros proxectos a nivel nacional e internacional.