Un grupo de entre 8 e 10 persoas protagonizou esta fin de semana en Vigo una agresión contra un voluntario que estaba no centro social A Revolta de Vigo, que recibiu puñadas, patadas, foi trabado con forza na man e ao que case estrangulan. Isto é o que denunciou o organismo antirepresivo Ceivar nas redes sociais e confirmou tamén o vetertano centro social vigués, que non é a primeira vez que é albo de ataques.
Segundo este relato, esas persoas, que desde A Revolta se sinala como "un grupo de fascistas", empezaron a merdoear olas proximidades do centro social sobre as 23 horas do sábado, facendo acenos de querer coller a bandeira da patria galega que o local mantén izada no exterior.
Desde Ceivar indican que, nun momento dado, un dos integrantes do grupo colleu a 'estreleira' e "comezou a correr pola Rua Real cara arriba".
Foi entón, sinala a organización antirepresiva, cando a persoa que se atopaba de voluntaria no local social saiu detrás. "Quando o alcançou comezou a receber patadas e punhetazos dos outros, que vinham detrás del", denuncian.
A agresión foi a máis: "Agarraro-no entre vários e um mordeu-no na mão,tam forte que afundiu os dentes na carne facendo-lhe várias feridas cos dentes. Ato seguido,outro tentou estrangula-lo", informan desde Ceivar.
Non é este o primeiro suceso deste tipo contra A Revolta, o centro social que naceu en 2003 na zona vella de Vigo e que é todo un referente para o eido asociativo. Así, e como lembra o propio CS, en 2012 o local foi "atacado de madrugada, rompérom a janela e deitárom líquido inflamável ao interior provocando um incêndio que foi sufocado graças ao aviso d@s vizinh@s".
O sábado o nosso CS receveu mais um ataque por motivos ideológicos, ao igual que quando prendérom lume em 2012 ou os registros da GC em 2005 e 2011.
— A Revolta do Berbês (@CSRevolta) December 20, 2021
Além do ataque ao CS a pessoa sócia que atendia o local foi agredida por um grupo de fascistas.#NenhumhaAgressomSemResposta https://t.co/bovypB1kyV
Agresións fascistas que van a máis
Nos últimos anos denunciáronse na Galiza un bo número de ataques e agresións fascistas: desde a malleira en Ferrol a un independentista até os golpes en Pontecedra a un rapaz que levaba unha camisola coa imaxe da bandeira da patria; pasando por ataques a monumentos de vítimas do franquismo ou contra centros sociais.
Na Galiza fascistas habelos, hainos. Non só vellos nostálxicos do anterior réxime, tamén xente disposta a pasar a acción e atacar e agredir aqueles e aquilo que sitúan no punto de mira das súas particulares fobias: nacionalismo galego, esquerda, feminismo ou liberación sexual, entre outras. Os ataques da extrema dereita en Galiza nestes anos abranguen diferentes niveis e obxectivos: desde a pintada antifeminista sobre un mural que defende o dereito ao aborto até a brutal malleira a un mozo por ser independentista, pasando polas ameazas contra un concelleiro comunista ou a tentativa de queimar un local social independentista.