Un garda civil aceptou esta terza feira unha pena de nove meses de prisión polo furto de 150 cartuchos de tinta de impresora nun almacén coruñés da Benemérita para revendelos a través dunha páxina web. Foi no xuízo decorrido hoxe na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña e tras un acordo entre a Fiscalía e a defensa.
O condenado, ademais, aceptou o pagamento dunha multa de case 800 euros e dunha indemización ao departamento de Informática. A pena imposta para el, que non tiña antecedentes penais, está condicionada a que durante dous anos non volva delinquir. A sentenza declarouse xa firme, así como a suspensión da pena.
O fiscal pedía, inicialmente, un ano e tres meses de prisión para este garda civil. Segundo a acusación, o axente, nado en 1959 e destinado ao Grupo de Apoio ás Tecnoloxías da Información (GATI), fíxose cos cartuchos de impresora durante o primeiro trimestre de 2020. Posteriormente, vendeunos a través dunha páxina web por uns 800 euros.
O GATI ten como labor principal proporcionar todo tipo de apoio loxístico ou asesoramento que poidan precisar as unidades que conforman a comandancia da Garda Civil da Coruña e doutros puntos da Galiza no referido a medios tecnolóxicos, tales como ordenadores, monitores, teclados ou impresoras, entre outros.