Galiza detectou 313 contaxios novos por coronavirus nas últimas 24 horas, polo que baixa ao redor dun cento con respecto aos últimos dous días. Isto é posíbel pola baixada na área sanitaria de Ourense que caen a máis da metade dos últimos días, até os 86, á vez que descenden nas de Compostela, Pontevedra e Lugo.
Segundo a última actualización da Consellaría de Sanidade, con datos do sábado, na última xornada producíronse 288 altas, polo que o total desde o inicio da pandemia increméntase até os 21.713. Ademais, a cifra de persoas falecidas mantense en 780, a mesma que hai un día.
En canto ao número de casos activos da Covid-19, é dicir, as persoas que aínda padecen a enfermidade na Galiza, medraron en 25 con respecto ao sábado, até os 4.383 deste domingo.
Alén diso, Sanidade informa de que até o momento se realizaron 549.104 probas, o que supón que se fixeron 5.966 PCR en 24 horas, unha trintena máis que o día anterior. De todas elas, 5,5% deron un resultado positivo, unha importante caída con respecto a xornadas previas.
Desde o inicio da pandemia, Galiza sumou un total de 26.876 casos de coronavirus.
Incidencia por áreas sanitarias
As áreas sanitarias de Ourense, Verín e O Barco continúan a ser as que máis novos positivos diarios por Covid-19 detecta, aínda que a incidencia anotou un importante descenso, até os 86, que supoñen 9% das PCR realizadas.
No comunicado anterior de datos, os contaxios en 24 horas se dispararan a 191, cifras de marca, e a positividade das probas superaba 22%.
Con todo, o número de persoas coa enfermidade subiu este domingo, aínda que lixeiramente, até as 1.482 (+8).
A segunda área con máis contaxios detectados, con 62 nas últimas 24 horas -o dobre que as 31 do día anterior-, é a de Vigo, que tamén sobe no total de casos activos, a 464. Tamén ascenden os positivos diarios na área da Coruña e Cee, a 51 (+15), mais a cifra de pacientes mantense estábel en 748.
A terceira área que anota un ascenso nos datos deste domingo é a de Ferrol, con 18 PCR positivas nun día, fronte ás 16 do parte anterior. En canto aos casos activos, soben lixeiramente a 122, o que a coloca como a zona con menos persoas coa enfermidade.