A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fixo esta quinta feira unha chamada á participación da cidadanía na doazón de sangue, en especial ás persoas doantes dos grupos sanguíneos cero positivo (0+), A negativo (A-) e A positivo (A+).
Segundo informou ADOS, as xornadas festivas, xunto coa situación actual da pandemia, con máis de 59.000 casos activos da Covid-19, "repercuten nos niveis de reservas dos distintos grupos sanguíneos", polo que incide en que "resulta necesario reactivar o permanente chamamento á doazón".
Así, lembra que os hospitais galegos necesitan entre 400 e 500 doazóns diarias para "levar a cabo adecuadamente o seu labor asistencial".
"En moitos dos labores asistenciais que se realizan a diario nos hospitais da Galiza son imprescindíbeis os compoñentes sanguíneos", abunda ADOS.
Neste senso, puntualiza que en ocasións pode baixar o número de doazóns, como nas circunstancias actuais, mais non sucede o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que necesitan os centros sanitarios, polo que resulta "imprescindíbel" a "xenerosidade e altruísmo" de toda a cidadanía, polo que ADOS solicita un "esforzo especial" para incrementar as reservas de sangue.
Onde podo doar sangue?
Para facilitar a doazón as unidades móbiles de ADOS visitarán nestes días máis de 40 concellos galegos para, destaca a entidade, "conseguir as doazóns necesarias que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios" do país.