“O asilo é un dereito!”, “Si, si, si, traerémolos aquí”, "OTAN non, ianquis fóra!”. Estas foron as principais palabras de orde que marcaron o protesto realizado na cidade de Vigo ás 12h. O acto estaba enmarcado dentro da convocatoria impulsada para as sete cidades galegas. As consignas contra a OTAN e as guerras resultaron incómodas para os representantes do PSOE, entre os que se incluía o alcalde da cidade Abel Caballero, polo seu apoio á intervención contra Siria que está na orixe do éxodo migratorio.
Foron centos as persoas que secundaron o chamado de UGT, CCOO, CIG, PSOE, EU, Anova, BNG, Podemos, Asemblea de Cooperación pola Paz e Seminario Galego de Educación para a paz. O mesmo aconteceu en Pontevedra, Lugo, Ourense, Compostela, A Coruña e Ferrol. Entre as bandeiras dos diferentes colectivos presentes, fíxose oco cartelería alusiva ao Non á Guerra. Nalgúns casos, os mesmos deseños que serviron de sorporte para o protesto contra a guerra do Iraq en 2003, visando un paralelismo até o momento obviado na cobertura informativa oficial.
Ao remate das concentración deuse lectura ao manifesto conxunto no que ademais de urxir unha resposta humanitaria, exíxese a fin da intervención imperialista da Siria e a retirada das tropas da OTAN de todo Oriente Próximo e o norte de África.
As organizacións convocantes emitiron un comunicado posterior no que "agradecen a resposta do pobo galego nas manifestacións e concentracións de hoxe" e instan "as autoridades competentes a actuaren en consecuencia".
Galería de imaxes
Vigo [Foto: Sermos Galiza]
A Coruña [Foto: Podemos]
Compostela [Foto: EU]
Ferrol [Foto: BNG]
Pontevedra [Foto: Galiza Nova]
Ourense [Foto: Ourense en Común]
Lugo [Foto: @RamonVazquezDia]