Patricia Cordo vai secundar a greve de mulleres do 8 de marzo… se lle toca traballar ese día. Operaria do sector do telemarketing, está pendente das quendas, polo que pode que non lle toque traballar o 8. “Se me toca, vou”, afirma. Mais ese paro é tamén de consumo e coidados e ese vaise secundar tamén.
“Hai motivos máis que suficientes para secundar a protesta”, afirma Patricia con convencemento. Delegada sindical da CIG en Extel, sinala que o sector dos centros de chamada, ao ser maioritariamente feminino, ten que soportar “salarios máis baixos, tendencia a xornadas paciais…”. Na Galiza son por volta de 8.000 persoas traballando nesta actividade, a inmensa maioría delas mulleres. E cunha gran capacidade de mobilización e loita polos seus dereitos, como demostraron nas greves e mobilizacións que protagonizaron en Galiza ao longo de 2017.
“Sufrimos a fenda salarial, a desigualdade de xénero, somos as encargadas dos coidados, padecemos a precariedade….sobran razóns para ir a esta greve”, sostén.