O cadro de persoal do centro denuncia ademais o “comportamento hostil e arbitrario” que mantén o inspector asignado á escola e responsábel de decidir as retalladas. “Esta empeñado en tratar a ESAD como un instituto de secundaria”, critica a CIG nun comunicado.
A folga durará tres días. O motivo central, o esganamento do profesorado e a esixencia de restitución dos seis postos de traballo perdidos nos dous últimos anos. “Para este curso académico, a dirección do centro reclamaba tres novas vacantes. A Consellaría de Educación non só non concedeu ningunha tras a inspección, senón que eliminou outras tres e axudicou 34 interinidades. En 2014 eran 42”, sinala o sindicato.
As retalladas coinciden ademais cun aumento de matrícula nos primeiros cursos. A central sindical cualifica de “particular asañamento” o do inspector Gonzalo Lorenzo Prozzo: “Entremétese nas prazas solicitadas e cambia o seu perfil, acosa cargos directivos e menospreza a autoridade do profesarado”.
A protesta, do 17 ao 19 de setembro, incluirá concentracións a segunda feira perante o edificio da Xunta de Vigo ás 12.00 e a terza e a cuarta, ás 11 na xefatura territorial de Educación en Pontevedra.