O xulgado de Sarria investiga a denuncia presentada o pasado mes de novembro pola Fiscalía contra a representación legal de Paravento SL –unha sociedade participada, segundo consta no rexistro mercantil, por Endesa (a través da súa filial Enel Green Power) e o Concello de Paradela–, en relación á construción dun parque eólico nesta última localidade.
Tras concluír as dilixencias de investigación derivadas da denuncia impulsada polas asociacións Ribeira Sacra Rural e Amigos do Camiño de Santiago, o colectivo ornitolóxico Cigüeña Negra e o Sindicato Labrego Galego, o Ministerio Fiscal conlúe que existen "indicios" de que na execución do parque non se respectaron as medidas estabelecidas para a protección do medio ambiente. En concreto, a fiscala sinala que unha vez iniciadas as obras, "non consta que se adoptasen" as medidas específicas sobre protección do medio ambiente relativas á protección da atmosfera, animais e plantas recollidas na Declaración de Impacto Ambiental.
A causa atópase de momento en fase de instrución, sen que conste ningunha persoa en condición de investigada. O xulgado si requiriu diversa documentación e informes, segundo confirman desde o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.
No municipio de Paradela levántanse dous parques, o de Paravento e un segundo, promovido integramente por Enel Green Power. Xuntos suman 27 instalacións eólicas. Na súa denuncia, de xullo do ano pasado, as entidades impulsoras alertaban das "afeccións negativas" dos eólicos sobre a Ribeira Sacra, o Camiño de Santiago e sobre dúas especies de aves ameazadas, como son a tartaraña cincenta e a gatafornela. A este respecto, reclamaban un plan de seguimento da avifauna, ademais de medidas de protección atmosférica.
O escrito emprazaba a Fiscalía a investigar "presuntos delitos de prevaricación e por omisión contra o patrimonio cultural e o medio ambiente". Nel, as entidades alegaban ademais que a Declaración de Impacto Ambiental, formulada pola dirección xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta, non fai referencia ningunha ao Camiño de Santiago que, segundo incidían, conta cunha "especial proteción" e tamén se ve "afectado negativamente" polas construcións.
Mobilización cívica contra os eólicos
O impacto dos dous parques eólicos de Paradela espertou no municipio unha forte contestación social, que levou á constitución da plataforma cívica Salvemos Paradela. Algunhas das persoas impulsoras levan anos litigando coa empresa promotora das instalacións. Conseguiron reducir en tres o número de aeroxeradores e teñen no Supremo o trazado das liñas de alta tensión.