A Fiscalía Superior da Galiza abriu dilixencias pola repartición de máscaras defectuosas en Pontevedra e Lugo, tras a denuncia dun sindicato de profesionais sanitarios.
Se ben non trascenderon máis datos sobre esta investigación, a prinicipios de maio, Prosagap, Sindicato de profesionais da sanidade pública, avanzaba que ía poñer en coñecemento de Fiscalía o subministro de máscaras que non ofrecían a protección adecuada. O sindicato informara á Area Sanitaria de Pontevedra e O Salnés “dunha alerta sanitaria referente á máscara PRESURGY: KN95/FFP2 SHUYIAN, que cumpre só como FFP1”. Nesta área sanitaria, indicaban, foron subministradas 1.640 unidades desta máscara nos tres hospitais (Montecelo, Provincial e Salnés). “Deste total, inmobilizáronse 1.065 unidades, sendo utilizadas 575”.
As máscaras FFP2 garanten unha maior eficiencia de filtración mínima e un menor nivel de fugas cara ao exterior que o FFP1.
Residencias de anciás
Ademais, a Fiscalía mantén seis dilixencias en oito residencias de anciáns pola xestión do coronavirus.
En concreto, na Coruña estanse investigando catro residencias, unha delas pola denuncia dunha persoa física e as outras tres tras unha comunicación dunha asociación familiar. Pola súa banda, na provincia de Ourense abríronse as dilixencias en catro residencias.
Aliás, a Fiscalía galega tamén iniciou dilixencias por unha denuncia por malos tratos nunha residencia en A Fonsagrada, e que foi arquivada porque xa está xudicializada.